“O vestido branco”, por Sonia Varela García
O vestido branco
Alí se atopaban todos, entre o pánico que me penetraba o corpo neses instantes nos que os meus ollos intentaban non mirar ao fondo escuro e lonxano daquel pozo.As voces tranquilizadoras dalgunhas das persoas que se esforzaban en sacarme daquel inmenso burato fedorento , facían que aquel medo que me afogaba buscase algunha saída e por momentos me tranquilizase.Entre esas palabras alentadoras, escoitaba eu choros e berros desesperados que cada vez atraían a máis xente da aldea.
A gran sorte de levar posto aquel vestido branco , de flores rosadas que me trouxera a miña tía de Alemaña e o oportuno ferro que sobresaía das paredes do pozo , fixeron que durante dúas horas e algúns minutos máis de angustia quedase pendurada naquel terrible lugar.
-¡ A miña nena!¡ Meu deus , a miña nena , sacádea de aí, sacádea, sacádea…-berraba ó tempo que choraba a miña nai.
-Tranquila, tranquila, xa case a sacamos , tranquila Carme
Esas palabras provocáronlle á miña nai un profundo suspiro que rematou no lixeiro decaemento das súas tensións, aínda que a enorme preocupación terminou por deixala sen sentido nuns segundos, mentres as demais mulleres buscaban a forma de devolverlle a conciencia.
Entre toda a xente que alí se atopaba, había algúns dos máis ricos da aldea, xa preparados para acudir á romaría , e xentiña que viu interrompida as súas faenas de cotío por aquel inoportuno suceso.Tamén entre esa xente humilde estaba quen non era do meu agrado, ou mellor dito eu non era do seu agrado. Falo dunha rapaza que viña comigo á escola, e que xogaba con todos nós no pouco tempo que tiñamos para divertírmonos.Unha rapaciña que un día antes daquel suceso do pozo , rebentou coa profunda envexa que me tiña.Facía eu todo o posíbel para que esa envexa desaparecera. Eu nunca mal lle fixera ,máis non sabía as causas que lle provocaban aquel resentimento. Máis o detonante dese rebentón foi o bendito vestido branco de flores rosadas que me trouxera miña tía Virtudes de Alemaña. Andabamos a xogar ás bólas co resto dos rapaces e nunha reviravolta intencionada da rapaza manchoume o vestido coa man chea de pedras e terra húmida , ademais de darme un golpe coa súa pulseira de pedras no meu dente cairo, que o deixou marcado para sempre. Mais eu comprendíaa, xa que aqueles tempos eran de gran pobreza e un vestido así, non se vía por ningures.
Unha mostra de gran pobreza foi a que viviu miña nai. Pertencía a unha familia de moitos irmáns.Por iso ela foi criada coa súa madriña e algúns dos seus irmáns por outros tíos. O feito foi que un día a súa madriña lle trouxera uns zocos novos,soamente a ela, xa que eran moitos irmáns e miña nai era a máis achegada a ela.Un día foi ver unha das súas irmás, a máis pequecha, que vivía cos seus curmáns.Ó chegar á humilde casa , decatouse de que andaban descalzos. O cariño da miña nai e a responsabilidade de ser a maior, levoulle a regalarlle os zoquiños á súa irmá e volver así descalza para a súa casa. A madriña decatouse do feito e aínda que lle rifou, ben sabía que a miña nai o fixera con cariño e pola pena que lle daba ver así a súa irmá.
Pero non só existía nesa época feitos tristes, e miña nai tamén foi rapaciña traste. Sendo ela unha cativa e pasando moita fame , foi un día, como adoitaba facer moitas veces, á casa da súa tía Manoela. Manoela facía queixos para vendelos nas feiras cada quince días, queixos de tetilla para ser precisos. Pois alá foi miña nai a visitala. Nada máis entrar pola porta , veulle un olor intenso, xa a súa boca saboreaba imaxinariamente o sabor daqueles redondiños e punteados queixo da tía Manoela. Achegouse até ela, que estaba preparándose para munxir as vacas e saudouna. A tía preguntoulle qué a traía por alí e miña nai respondeu que viña avisala do día da matanza. Estiveron de parrafeo un anaquiño e ó cabo despedíronse.
A tía Manoela saíu da cociña e foi pra corte onde estaban as vacas. A corte estaba a carón da cociña, só se separaban por un estreito corredor.
No corredor estaba pendurada dunha viga a queixeira con estantes, sobre os que había palla estendida e sobre ela estaban colocados os queixos envoltos cun pano que se lle cambiaba cada día pra mantelos secos sen o soro. Os queixos xa curados estaban nunha cesta enriba da mesa, no centro da cociña, xa preparados para levalos á feira ó día seguinte. O chan da cociña era de terra escura. Ademais da mesa había tamén un chineiro, un vertedoiro de cemento e unha artesa onde se amasaba o pan cando se cocía.
Pois ó que ía, cando a súa tía foi á corte a muxi-las vacas, miña nai quedou na porta observándoa, e cando xa tiña un pé fora da casa, unha idea chegoulle á cabeza.Entrou na cociña e ó cabo dun anaco marchou para casa.
-Ola madriña! – dixo cando entrou pola porta , e subiu rápidamente pro seu cuarto
-¿ E logo pra onde vas tan apurada? – preguntou a súa madriña cando a viu tan á presa
- Vou coller…mmmm…vou coller un pano da mau – dixo apurándose pra librarse do interés da súa madriña.
A miña nai , ó chegar até o seu cuarto , sacou do mandil dous puños de queixo manteigoso e envolveunos nun pano e despois agachounos nunha esquiniña da súa cama.Pola noite , ó rematar de cear e cando cada un marchou para a súa cama, a miña nai chamou á súa curmá que estaba na cama do lado:
-Ermitas! Ermitiñas!, mira, mira, ven acó, vouche dicir un segredo – dixo en voz baixa mentres lle daba a risa.
-¿Qué? ¿Qué pasa? ¿ A qué ven tanta intriga? – dixo a súa curmá xa na cama da miña nai.
-Mira que teño, …¡non , agarda!Ensínocho se me dás palabra de que non llo dis a ninguén e moito menos á madriña.
-Si, si , palabra! Pero a ver…a ver…
Botou Ermitas unha ollada e de súpeto exclamou:
-Ostrís! ¿ E ti con iso? ¿ De onde o sacaches Carme?
-Tsss, cala muller, máis baixo …que como a madriña escoite…É queixo!
-Ben vexo que é queixo, e que ben ule mmm, pero ¿ de onde o sacaches Carme?
-Se che conto….xa me estou arrepentindo de facelo.Aii , pero cando o probes verás…
-Pero , ¿ de onde o sacaches muller?
- Pois foi..fun…fun busca-las vacas e de volta parei na casa da tía Manoela pra darlle as grazas de parte da madriña polo leite e pra avisarlle da matanza, ..e vin…e vin os queixos aqueles tan ben feitiños, que ulían tan ben e…
-¿ E que? ¿Que?¿ Pedícheslle un anaco?
-Non exactamente.., collín o coitelo e corteille a punta a dous queixiños, logo co coitelo collín queixo manteigoso do centro e volvinlle coloca-la punta pra que non se dera de conta.
Días despois da feira non houbo noticias sobre ningún queixo oco nin nada que se lle parecese. Pero quince días despois fíxose a matanza. Nela xuntouse boa parte da familia e algúns veciños para axudárense uns os outros. Cando estabamos a face-los chourizos saltou unha conversa entre a súa madriña e a veciña Dolores , coñecida como Lola de Costoia.
Estaban a falar da feira da semana pasada, da xente que alí estaba, entre eles o descoñecido Manolo de Candelao. Lola de Costoia saltou contando unha anécdota que lle pasara. Anécdota que por casualidade estab relacionada cos queixos. Miña nai comezou a poñerse nerviosa ó escoitar a Dolores dicir que Manuela lle vendera un queixo medio oco. Pero menos mal que na única persoa da cal sospeitaba era do seu fillo ó que caracterizou coma un traste.
Así foi que se decatou do que pasara finalmente cun dos queixos. Pois o marido de Lola de Costoia, Manuel de Costoia, foi un dos homes que me axudou a saír do pozo. Moita xente non o sabe , pero os máis achegados a el sabemos que se librou do servizo militar por baixa estatura. Mais baixo non é, pero iso lles fixo crer ós demais.¿ E como o fixo, vos preguntaredes? Pois o caso foi que un coñecido lle dera unha lista con exercicios para encoller partes do corpo.¡Si señor! Así, practicando e practicando, cando o foron medir, encolleuse de tal forma que non chegaba á estatura precisa e se librou da mili.
Meu pai suaba mentres tiraba da corda xunto con dous homes máis.
-Tranquila, tranquila , xa case te sacamos, non teñas medo – dicía meu pai mentres vía cada vez máis lonxe ó fondo daquel pozo.
Meu pai era e aínda é, non coa mesma intensidade, un home serio, pero nos seus adentros era unha persoa das máis cariñosas que hai. Caracterizábase como moitos sabían polo habelencioso que era, tanto facía zocos como ía matar os porcos ós veciños, xa que deixaba todo ben colocadiño e de bo xeito. Tamén os días da misa ou das festas, acudían os veciños á nosa casa pra que lle fixera os nós das garabatas, pra cortar o pelo ou afeitar.A el tamén lle facía favores como axudarlle nas colleitas, darlle cepas dos carballos, …E tanto era así de mañoso como tiña días nos que tiña os seus arrebatos. Un día, poño por caso, un mozo que estaba toliño pola miña irmá María , veu buscala á casa pra levala á festa , e saíu meu pai pola porta:
-Boas noites Don Ramón , está María? Víñaa buscar pra ir á festa.
-Hoxe María non pode – dixo con ton seco – ten que muxi-las vacas e non ves que aínda é de día?
-Pero xa sabe como di o refrán “ Pra saber se é unha boa muller , búscaa de día coa roupa de cada día”
-Xa che dixen que non podía
O mociño cada vez que tiña que ir buscala sufría o seu.Así foi que un día que a ía buscar, eran tales os nervios que levaba que se espetou co coche nun muro preto da casa.Volveuno intentar outro día e rematou por un barranco abaixo, por sorte non lle pasou nada, pero da vergonza que pasou non a volveu buscar á casa.
Xa estaba fóra do pozo, deitada no chan con toda a xente ó meu arredor.”Estás ben miña nena?” “xa pasou todo” “ vaia susto nos deches” “grazas a Deus”, dicían unha muller tras outra. Meu irmán Xesús levárame un pouco de auga. Xesús era un ano máis vello ca min, eramos os máis pequenos de oito irmáns. Sempre andabamos agarradiños da man e iamos xuntiños a case tódolos lugares.E xuntiños tiñamos tamén feito moitas trasnadas.Un día, por exemplo, atopamos na casa unha caixa de puros, estabamos nós os dous soíños. Ó abrir a caixa, observamos o contido: uns pouquiños puros mais unhas boquillas. Nós nunca viramos unhas boquillas, e parecíanos un xoguete. Tiñamos tanto interese que nos puxemos a experimentar a ver como funcionaba aquilo. E prendemos lume a un puro, cando nos demos de conta, a casa estaba chea de fume.Corremos a abrir as xanelas antes de que chegaran os demais.Pero chegou unha das nosas irmás, e aínda por riba a que máis berraba . Ela ó entrar na casa deuse conta do cheiro que había e foi mirar a ver que pasaba:
-E vós? E este fume? E este cheiro? Que estivestes a facer?
-Nós non fixemos nada….
-Xesús!Fina! vide acó! Botádeme o alento! – non tivemos máis remedio que botarllo- Pero vós estades tolos!Como chegue o papá vai cheirar isto e vaivos botar unha boa rifa!
Con sorte non se decatou , pero a caixa non a volvemos abrir nunca máis.
Pero máis trasnada foi a dun día que fomos levar as vacas a pacer.Levámolas eu , Xesús e miña irmá Virtudiñas. Mentres pacían, os meus irmáns coidaban un de cada lado do prado para que as vacas non fosen ó millo da veciña Amparo.Eu coidaba soamente da buquela por onde entraban as vacas, xa que era a máis pequecha. Pero os meus irmán chamaban por min para que fose de vez en cando brincar con eles no seu posto, unha vez un, outra vez outro…até que dunha vez nos puxemos a enredar e unha vaca marchou para o millo. Cando nos demos conta , a vaca comera un bo cacho. Nós tiñámoslle moito respecto á veciña Amparo, sempre estaba berrando e era moi seria polos sucesos que vivira .Seica ela non pode ver un can diante porque , anos atrás, o seu can de confianza que nunca mal fixera , mordéralle as pernas deixándoa gravemente ferida.Trataba a todo o mundo con mal xenio e non sabiamos que podería pasar se se daba conta do que pasara co millo.Así que collemos e para que a vella non nos rifase, fomos rarea-lo millo, quitando onde había moito e plantando onde a vaca o comera, pensando que así o millo volvería medrar. Pero o millo así non medraba e cando a vella viu días despois todo aquel millo seco , foi até a nosa casa para contarllo a nosa nai. Contámoslle que o fixeramos así pensando que desa forma volvía medrar, que non o fixeramos por mal, pero a rifa levámola igual.
Pois así foi como me sacaron do pozo aquelas persoas que viviran tantos momentos tristes, divertidos, intensos ó longo da súa vida. Persoas que contan todo aquilo como simples anécdotas e que son unha mostra das vivenzas de antano e que perdurarán para sempre na miña memoria tal e como eu as vin ao meu carón cando por fin me sacaron do pozo.
No Comments »
No comments yet.
RSS feed for comments on this post. TrackBack URI
Leave a comment
Line and paragraph breaks automatic, e-mail address never displayed, HTML allowed: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>