Literatura Galega de 2º Bacharelato. Diario de clase.

Blogue sobre a optativa de literatura galega de segundo de bacharelato.

“O tren das lembranzas”, por Daniel Yonte Fuentes

Filed under: Sen clasificar — 24 maio 2007 @ 10:20 am

O tren das lembranzas

Eu non coñecín o meu avó materno, pero as súas historias chegaron ata min grazas á miña nai e á miña avoa.
As primeiras noticias que lembro do meu avó eran as que nos contan ós nenos cando aínda somo pequenos; dicíanme que cando voltaba do traballo en bicicleta sempre tocaba o timbre para que na casa xa souberan que chegaba, entón as miñas tías e mais a miña nai saían a recibilo á porta, pero non eran as únicas, os rapaces das casas próximas tamén saían porque meu avó sempre tiña un sorriso e algunha que outra chistada que facerlle a algún deles, mesmo tenme dito a miña avoa que no carriño que levaba cabo da bicicleta metérase unha vez un rapaz agochado baixo a manta para ver se tiña a sorte de poder meterse dentro da casa con el, pois moito lle gustaban aquelas bromas que facía meu avó e quería compartilas todo o tempo e non só naquel intre no que chegaba do traballo e tiña que facer caso a tantos e tantos rapaces.
Logo, una vez que vas medrando, chegan novas lembranzas que penso que se as escoitases de pequeno non as entenderías e mesmo non me faría unha idea tan boa do meu avó, pero só por iso, porque non as entendería ben.
Hai unha que me chamou especialmente a atención, quizais porque me sirva para darme conta dos tempos difíciles que viviron meus avós ou polo moito que me interesa o tema da posguerra e dos escapados. A miña avoa contoumo así:
“Era tarde, o ceo estaba dunha negrura espesa que aveciñaba unha noite fría como nunca. Ó lonxe oíase o trafegar do tren, nun intre pasaría por Quiroga, nin tan sequera unha parada rápida para subir ou baixar mercancías. O seu destino era a Rúa.
O teu avó nun recuncho agochado agardando, xunto cos demais compañeiros de faena, a que o tren aminorase a súa marcha e subir rapidamente sen seren vistos. Pretendían coller algo co que comerciar cos escapados que andaban por aquelas terras entre Montefurado e Roblido. A tarefa non era cousa doada, conseguir arrepañar o máximo posíbel sen ser vistos. Algunha que outra vez tenme dito teu avó que tiveron que amarrar a un garda que oes atopou no vagón para que non dese a alerta… e cántas cousas non me diría para non preocuparme!
O seguinte paso non era doado, baixar do tren en marcha sen que quedase nada polo camiño, despois xa só restaba quedar no sitio acordado para lle pasar a mercancía ós probes escapado…que culpa non che tiñan ningunha, pero que mal me sentía a min que teu avó fixera aquilo…toda a noite agardando por el co medo de saber se voltaría ou non!”
Aquí a miña avoa emocionábase toda e prefería cambiar de tema, pobriña, cánto medo tiña que pasar.

A última anécdota que teño do meu avó é moi curiosa, ben é certo que pode ser algo tristeira pero paréceme moi bonita de relatar, e máis aínda se a escoitarades contar á miña avoa:
“Aquela mañá o teu avó marchara a traballar ben cediño pois sempre quería chegar puntual ó seu traballo, mais xa non puido voltar á casa o probe…ti xa ben sabes o que pasou daquela… Foron días moi tristeiros para todos nós e aveciñábase un tempo duro pra as catro mulleres que quedabamos na casa.
Penso que esta tristura que tiñamos tamén a sentía a Brasa, a cadela da casa,ti xa non a lembras pero penso que a tes visto nalgunha que outra foto, era aquela a manchas negras, moi bonitiña ela….pero o que che estaba a contar, por aquel tempo, Brasa andaba moi tristeira, notábaselle naqueles olliños de pena que poñía e nos seus andares paseniños.
O día do enterro de teu avó moita xente había, mesmo non cabiamos todos na igrexa, pero o caso curioso foi que cando as túas tías, a túa mai e mais eu voltabamos pra casa non atopamos á Brasa diante da porta como fixera sempre.
Pasaron os días e non aparecía e xa pensabamos que marchara pra sempre até que un día que foramos cambiarlle as flores ó avó escoitamos un ouveo magoado e xusto detrás do muro do cemiterio estaba a Brasa, acurrucadiña contra o muro, xusto do outro lado de onde estaba enterrado o teu avó, nós intentamos que viñera con nós para a casa pero non había forma, quería quedar a carón do seu dono, alí pegadiña onde descansa teu avó. Como vimos que non quería saír de alí, mesmo lle levabamos comida, pero non había forma, alí quedou para sempre”..

As bágoas esvaraban polas súas meixelas enrrugadas polo paso do tempo. Eu aperteille as mans cun xesto cariñoso, sequeille a cara, deille un bico e mireina ós ollos dándolle as grazas por compartir comigo aquela parte da súa historia que eu non coñecera. Pregunteille se non tiñamos ningún retrato seu. Foi entón cando ela colleu a miña cara entre as súas mans e cun sorriso de ledicia nos beizos díxome: “Non fai falla. Abonda con mirar para ti”.
Aquilo fíxome tan feliz que lle dei unha aperta enorme, ó tempo que nos envolvía agarimoso o solciño do solpor ourensán.

No Comments »

No comments yet.

RSS feed for comments on this post. TrackBack URI

Leave a comment

Line and paragraph breaks automatic, e-mail address never displayed, HTML allowed: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>

(required)

(required)