Ti decides (curso 2011-2012)

Xa hai moito tempo, vivía, nunha pequena vila galega, un rapaz coñecido como «Pepo». Dende pequeno, Pepo sempre foi un rapaz problemático que devecía pola cocacola e o que pouco lle parecía importar o seu futuro. Xa de moi novo, influído pola xuventude da vila, comezou a mergullarse no mundo das drogas, para máis tarde converterse nun distribuidor destas substancias ilegais na vila e nos arredores; con tan só 18 anos xa gañaba cartos a moreas e sentíase ben pois os disfrutaba gastándoos nas cousas máis parvas que se lle ocorrían. Sen preocupacións, Pepo vivía á marxe da lei e parecía non asustalo moito.

Un dia de inverno, Pepo, de volta á casa despois de saír de festa cos seus compañeiros polo Orzan, encontrouse cun vello sentado nun pequeno banco. Ó principio non lle deu importancia, pero ó achegarse máis a el decatouse de quen era realmente. Sorprendeuse ó ver que era Manuel Benítez, ou como o coñecían na zona «O Andaluz». Este vello era xa coñecido na bisbarra, pois era un importante patriarca dunha organización criminal familiar que impoñía as súas normas na vila. Poucas veces se deixaba ver pola rúa, por iso Pepo sorprendeuse e decidiu pasar sen saudar, para evitar males maiores, mais cando pasou ó seu carón este ergueu a cabeza, deixando ver o resplandor do seu ollo de vidro, e chamouno polo seu alcume para que se achegara ó banco. Mandouno sentar e comezaron a falar. Na conversa díxolle que escoitara falar moi ben de como manexaba os seus negocios e convidouno a participar nun golpe: desembarcarían unha planeadora na praia de Sabón, co que gañaría moitos cartos. Sen apenas pensalo, Pepo aceptou a invitación.

(A.F.N.)

Pepo, despois de falar co Andaluz , empezou a planear como podían recoller a droga sen ser vistos . Decidiron quedar ó dia seguinte no bar do Petón. Cando chegou Pepo ó bar, alí estaba o andaluz con outro compañeiro, que era o xefe da operación, chamado o Rilao . Este empezoulles a falar da operación ós dous e avisounos de que era unha operación moi complicada, xa que se traería moita droga. Viría nunha lancha motora procedente de Vigo ,e recollerían a mercancía no porto de Suevos. O Rilao díxolles que tiñan que mercar un coche franco para despois de acabada a operación queimalo para que así non quedaran probas que os puideran inculpar. Tamén lles comentou que podían ir disfrazados de rapaza, así seria máis difícil recoñecelos. Despois de darlles todos os detalles da a operación o Rilao marchou do bar e o xurelo tamén. Pepo, ó ver que quedaba só no bar, tamén decidiu marchar para a súa casa e descansar ,xa que o agardaban uns dias moi duros e de moito nerviosismo, pois nunca se involucrara nunha operación tan grande coma esta .

Pepo chamou ó Andaluz para comentarlle que o coche franco e os disfraces xa estaban mercados. Só faltaba ultimar o dia, hora e o lugar onde se reunirían. A operación seria ó día seguinte, ás 6 da mañá, no porto de Suevos. Decidiron quedar media hora antes, xa que tiñan que disfrazarse e prepararse. Ó acabar de falar co Andaluz, Pepo ceou e foi durmir, cousa imposible, xa que non pegou ollo en toda noite sabendo o que lle esperaba .

(H.I.C.)

Soou o despertador, eran as cinco da mañá. Pepo quería levantarse, pero non podía porque tiña moito sono. Conseguiu achegarse ó lavabo e despexouse un pouco lavándose á cara con auga fría. O tempo botábaselle enriba e tería que correr para chegar ó porto de Suevos.

Ía pola rúa medio durmido, pensando en todo o que lle acontecería nas próximas horas, o diñeiro que gañaría. Sentíase moi orgulloso de que contaran con el para participar na operación. Mentres camiñaba sumido nos seus pensamentos, tropezou con algo, fíxoo caer, golpeou a cabeza co bordo, o ultimo que oíu foi a voz dunha rapaza que berraba o seu nome.

Abriu os ollos, unha luz forte e branca cegábao, pechounos, intentaba recordar o que sucedera e onde estaba, volveu abrir os ollos, un home con bata branca, explicoulle que pasara case un mes en coma e que estivera a piques de morrer; alguén lle quixera dar outra oportunidade para vivir.

(E.M.H)

Díxolle tamén que había alguén fóra que desexaba velo, que non se despegara del en todo o mes que estivera alí. Pepo, sorprendido de que alguén puidera ter interese nel, díxolle ó medico que por favor fixera pasar a esa persoa.

A sorpresa foi monumental cando Pepo viu entrar á filla do “Corsario”; era ela, Vanesa.

A Pepo viñéronlle recordos das moitas veces que pillara a Vanesa a espreitalo. Vanesa confesáralle que foi quen chamou a unha ambulancia, porque estaba a espialo agachada nun portal. Escoitara que esa noite íase erguer cedo, e ela levaba dende as cinco da mañá esperándoo.

Pepo sentíase acosado, pero sempre a utilizaba para quedar ben diante dos seus amigos, ainda que en realidade nunca tivera moito éxito entre as mulleres. Vanesa estivo ó seu lado toda a noite, e deulle un recado que lle deixaran para el o Andaluz e o Rilao. A Pepo entroulle o medo no corpo.

(T.M.B)

A Pepo cambioulle a cara cando Vanesa lle deu o recado. Quería morrer. O recado era unha ameaza de morte. O Andaluz e o Rilao escribíranlle unha carta, ameazándoo de morte por non asistir á operación. Por culpa del agora non tiñan o coche franco, nin a ninguén que puidera vender a mercadoría, xa que el era o encargado. Serían millóns de euros perdidos por culpa dun monicreque que non asistira ó lugar de encontro. Pepo sabía que agora irían por el, xa que non se quedarían tan tranquilos perdendo tantos cartos, e a vinganza sería a súa morte.

Vanesa intentábao calmar, pero el toleaba alí na cama do hospital, quería marchar, fuxir moi lonxe, onde non o puideran atopar. Pepo non paraba de pensar e darlle voltas a como ía saír desta. Buscaba outra opción, dicir que non caera accidentalmente, senón que o atropelaran, ou lle provocaran a caída. Podíalle pedir axuda a Vanesa, pero ela era moi formal, e non ía ser capaz de mentir. Así que pensouno mellor e calou. Botou varios días en repouso, e cando por fin saíu do hospital, xa tiña en mente a explicación perfecta que lles ía dar ó Andaluz e ó Rilao de por que non asistira á operación.

Chegou á casa, colleu o teléfono e chamou ó Andaluz. Estaba algo inquedo, pero pouco, xa que confiaba na súa escusa. O Andaluz non lle colleu o teléfono, así que chamou ó Rilao, mais este tiña o aparello apagado. Agora si que estaba nervioso, tiña medo de que souberan que saíra do hospital e foran por el, e non lles puidera dar unha explicación da súa ausencia. Tiña que contactar con eles o máis axiña posible.

(B.P.G)

 Pepo pensárao mellor, en lugar de falar con eles, prefería fuxir  lonxe, onde non desen con el. Custaríalle moito despedirse dos seus pais e dos seus amigos. Meditaba que mentira contarlle á súa familia, diríalles que ía á casa dun amigo, pero en realidade non volvería. Colleu unha bolsa de
deporte e meteu a súa roupa preferida, un par de zapatos, algunhas fotos e todos os seus aforros. Falara con Pire, o seu mellor amigo, e
dixéralle que collería o tren e iría a Ourense onde estaban os seus avós. Pire, intentárao convencer para que non marchase, pero
Pepo estaba decidido a facelo.

 Xa tiña todo listo para marchar. Puxo a mochila ó lombo, despediuse dos seus pais e saíu rapidamente. Colleu un bus que o levou á estación de tren.  Alí mercou un billete con destino a Ourense. Xa non había volta atrás, estaba decidido a facelo, marcharía e non volvería xamais. Estaba
xa na plataforma adecuada, esperando a que chegara o tren. De súpeto soou os seu móbil, rebuscouno dentro da mochila e contestou. A
chamada era de Pire, quería informalo de que o Andaluz e o Rilao sabían que marchaba para Ourense e que estes irían tras del.

(I.Y.F)

Pepo, ao decatarse de que o Andaluz e o  Rilao nunca o ían deixar en paz, decidíu non marchar a Ourense e  contactar con un amigo seu para que lle axudase. O seu amigo  chamábase Chamorro e facía pouco que saira do cárcere. Pepo  chamouno, explicoulle a súa situación e Chamorro aceptou axudarlle,  xa que lle gustaban moito as pelexas.

Uns días despois Pepo chamou ao  Andaluz e díxolle que estaba disposto a dar a cara e a aceptar o que  lle quixeran facer por non ter participado no golpe que planearan.  Quedaron no encoro de Meicende a medianoite. Pepo chegou á hora  acordada e alí estábano agardando o Andaluz, o Rilao e outros dous
homes que non coñecía. O Andaluz sacou unha pistola do peto do  pantalón e apuntou con ela a Pepo, disposto a matalo por deixalos  tirados, pero o que o Andaluz e os outros non sabían era que  Chamorro estaba agochado entra a maleza á beira do camiño. Cando o  Andaluz ia acabar con Pepo dunha vez por todas, sentíuse un disparo  e o Andaluz caeu morto no chan. Os seus tres compañeiros sacaron as  pistolas e apuntaron ás árbores, pero como era de noite non vían  case nada. Chamorro seguía disparando, cambiando de posición cada  vez que o facía para que non o descubrisen. Pepo aproveitou a  distracción para botar a correr e meterse entre as árbores. Cando atopou a Chamorro fuxiron os dous xuntos amparándose  na escuridade da noite. Agora as cousas ianse poñer moito máis feas, xa que toda a organización do Andaluz os ía perseguir buscando vinganza.

(J.A.A.B)

 

Cando Pepo e Chamorro fuxiron do encoro de Meicende, roubaron un coche a punta de pistola para poder escapar máis rápido ata o piso franco de Faquirri, un colombiano pertencente a unha organización narcotraficante enfrontada desde os seus comezos coa banda do Andaluz. Esa noite descansaron alí e meditaron como conseguir escapar dunha vez.

 

Ao día seguinte, erguéronse cedo para levar a cabo un plan que meditaran mentres ceaban a noite anterior. Faquirri conseguiríalle un billete de avión a Pepo para saír do país. Iría unha tempada para Colombia coa familia do Colombiano.

 

Chegando ao aeroporto no coche roubado a noite anterior, un furgón da Policía Nacional identificou o coche e varios policías saíron apuntando aos ocupantes con ametralladoras. Despois de verificar a súa identidade, Faquirri pisou o acelerador para escapar da policía. Comezou así outro problema para os traficantes. Faquirri conducía como se fose a fin do mundo polas rúas da Coruña e grazas a un conductor despistado que colisionou contra o furgón, Pepo, Faquirri e Chamorro conseguiron escapar da policía. Pero o billete de avión xa non lle servía, xa que a policía emitira unha orde de busca e captura contra eles en toda España.

(J.B.M.)

Ían os tres por un camiño descoñecido, sen rumbo e co medo no corpo. En calquera momento poderían descubrilos e levalos presos. Non tiñan máis recursos para sair do país, non podían ir a unha estación de tren nin coller un avión; a situación estaba complicada para os tres fuxitivos.

 

Faquirri encontrou unha solución, aínda que só fose temporal. Esconderíanse nun sumidoiro. Pepo díxolle que estaba tolo,que encontrarían outra cousa mellor. Pero a cada paso o camiño quedáballes máis curto e decidiron baixarse do coche,mercar gasolina e queimalo.

 

Feito todo isto, mirábanse os tres fixamente, sen saber que facer. Foron en busca dun sumidoiro que estivese medio aberto e cando o atoparon entraron nel. Alí dentro había un fedor arrepiante, non aturarían sen morrer intoxicados e decidiron pasar alí só tres días ata que se lles viñese á memoria outro lugar.

 

Chamorro díxolles que tiña unha leira ás aforas da vila na que fixera unha cova cando era máis novo. Alí non habería malos cheiros, o único problema que podían atopar serían as toupas ou as serpes. E así foi, ao pasar as tres noites, saíron cedo cara ás aforas da vila en busca da leira de Chamorro. Os tres mirábanse fixamente, levaban consigo o cheiro do sumidoiro e tiñan que ir un lonxe do outro para non caer sen sentido.

Despois de dous días longos camiñando, chegaron a Feans e alí estaba a leira de Chamorro. Pepo non podía crer o que lle estaba a pasar, todo lle parecía incríble ou mesmo un soño.

(I.C.M.)

 

 

SMS: tes unha mensaxe de amor

No curso 2007-2008, os alumnos desta materia escribiron o seguinte:

Despois de Nadal, limos moitos libros de poesía en lingua galega. Deles fomos escollendo os que trataban o tema do amor, para despois enviarlle poemas a todos os compañeiros. Algúns mandámolos por correo electrónico, outros por unha mensaxe aos teléfonos móbiles e outros reapartímolos anonimamente nós polas clases, todo iso o 14 de febreiro!

No cambio de clases, todos saíron das aulas comentando que recibiran un poema de amor. Todos querían saber quen fora o seu «admirador/a secreto».

Paula

No curso 2010-2011 retomamos esta idea e adaptámola á linguaxe SMS, do seguinte xeito: sorteamos un «amigo invisíble» entre os compañeiros e compañeiras da clase de literatura (como somos impares un enviou dous). Pensando nese amigo, escollemos un poema de amor de entre varios  que se nos ofreceron. Reelaboramos o sentido do poema en linguaxe SMS e enviámolos o mesmo día dende o móbil do centro (mentres tanto, tiñamos todos os nosos apagados). O seguinte día de clase puxemos por escrito a mensaxe recibida, tal como a entendimos. por último, comparámola co poema orixinal.

Ti decides

1º conto colaborativo creado polos alumnos e alumnas do IES de Sabón de Literatura Galega do S. XX.

Día 1: Xeración de ideas polo procedemento de creación conxunta dun «Cadáver exquisito», que debe servir ao primeiro autor para iniciar o relato.

Día 2 (A.A.)

Francisco é un árbitro da segunda división española; levaba xa varias tempadas arbitrando esta categoría, malia que aínda nunca se presentara ás probas de ascenso, o que el desexaba era arbitrar na primeira división.

Don Francisco Rodríguez tiña arredor duns trinta anos e segundo as malas linguas mantiña unha relación homosexual co seu axudante, de vinte anos. De aí que a pesar de ser un bo árbitro con proxección, temía que a federación non o quixera en primeira por medo a un escándalo. Ademais, hai uns anos protagonizara un incidente cando chegou a un partido completamente bebedo.

O seu soño seria poder arbitrar algún día un clásico como un Barça -Madrid, ou mellor, un Depor-Celta en Riazor; claro que para que ocorrese algo así tiña que ter moita sorte ou que se deran de baixa a metade de árbitros da liga.

Día 3 (D.B.)

Á semana seguinte, Fran, como lle chamaba o seu mozo e axudante de arbitraxe decidiu presentarse ás probas despois de falalo co seu mozo e coa súa familia. Fran preparara moito as probas, xa que estaba moi emocionado e a arbitraxe era o único que sabía facer, e facíao realmente ben, a excepción dun partido de anos atrás no que chegou bébedo por discutir co seu mozo Rubén e que foi un completo desastre.

O venres seguinte mirou en internet a súa cualificación que poñía claramente APTO. Fran ilusionouse moitísimo, agora o único que lle quedaba era asinar un contrato e que lle asignasen o primeiro encontro como árbitro de primeira división, onde se encontraban as grandes estrelas do fútbol europeo.

Tres días despois foi á federación de árbitros e asignáronlle o seu primeiro partido. O responsable do reparto dos partidos díxolle, ao tempo que lle entregaba unha nova equipación:

- Francisco, estou moi contento co teu resultado nas probas e o teu primeiro partido quero que sexa moi especial. Sorte e espero que ti non sexas o protagonista, senón os xogadores. Aquí tes: – deulle unha acta na que poñía o seguinte:

 

Sábado 25-3-2011

Riazor: R.D. Deportivo Coruña- R.C. Deportivo Celta.

Hora: 18:00 h.

Día 4 (L.C)

Despois de varios días agardando o momento, por fin chegou o día tan esperado para Fran. Cheo de nervios, esperaba inquedo, dando voltas pola súa casa a que chegase ó fin a hora de marchar.

Por fín chegou a Riazor e o corazón parecía que lle ía saír do peito, os arredores estaban cheos de mareas de xente polas rúas, había moreas de antidisturbios controlando os enfrontamentos entre vigueses e coruñeses, sentíase xa o ambiente fervente típico de tal clásico.

Entrou ó estadio escoltado, dirixiuse ós vestiarios como puido, xa que lle tremían as pernas e intentou tranquilizarse.

O tempo ata o comezo do partido fíxose eterno e, finalmente, chegou o gran momento, os dous equipos saltaron ó campo acompañados dos tres árbitros.

Sentíu os berros das dúas aficións cos clásicos cantos e o estómago deulle unha volta.

O partido transcorreu bastante ben, aínda que tivo que parar o crono algunha vez debido a que algún

incha do Celta tirou lixo ó campo.

O partirdo rematou cun 3-1. Riazor estalaba en berros, a maioría da xente estaba realmente bébeda.

Ó saír quixo ir celebrar o seu debut co seu mozo e un par de amigos, pero segundo baixaban pola beirrúa uns mozos do Celta, que ían moi bébedos, tiráronlle un casco de Estrella Galicia na cabeza. Caeu ó chan.

(Día 5, J-I)

Cando espertou xa non sabía onde estaba, viuse rodeado de cables e entroulle un pánico tremendo. Entón, Rubén abrazouno para tranquilizalo e díxolle se estaba ben. Acto seguido, Francisco empuxou a Rubén dicíndolle:

-Oes, ti quen es?

-Son o teu mozo, cariño.- Contestoulle Rubén todo asustado.

-Quita de aí oh!!, como vou ser eu marica.- Díxolle Francisco.

Entón, Rubén marchou correndo e chorando, xa que non sabía que facer. Ao ver isto, os médicos entraron na cuarto e dixéronlle que ese golpe na cabeza lle causara amnesia. Á semana Francisco empezou a lembrar case todo, excepto que era homosexual, e como non se acordaba diso díxolle a Rubén que o que pasaba entre eles ía acabar, e que dende entón só ía saír con mulleres.

Francisco seguiu arbitrando en primeira división. O seguinte partido que xogou foi o de Sevilla-Mallorca no que todo saíu moi ben e no que disfrutou coma un neno pequeno. Co paso do tempo, Francisco seguiu arbitrando moi ben e, ó cabo dun tempo, encontrou unha muller que se chamaba Ramona e da que namorou. Todo iso fixo que Francisco fose moi feliz.

Un día que estaba no sofá durmindo, chegoulle unha mensaxe ao móbil na que poñía literalmente:

“parabns stas selecionad para sr arbitro d xampions e podr arbitrar o Madrid-Liverpool”.

Ao ver esta mensaxe Francisco abrazouse a Ramona e contoullo todo, xa que iso era algo que nunca imaxinara nin nos seus mellores soños.

(Día 6, B.M)

Francisco estaba preparado para o gran partido. Despediuse de Ramona, e tomou un taxi xunto cos seus compañeiros de traballo cara ó aeroporto, debido a que o primeiro partido da eliminatoria xogábase en Anfield, o estadio do Liverpool. Ao pouco de chegar a Inglaterra, Francisco recibiu unha desgraciada noticia. A noite anterior atoparan morto no seu cuarto o seu antigo mozo, Rubén cunha carta ó seu lado. Ía dirixida a Francisco. Ó principio non entendía por que esa carta poñía o seu nome, xa que debido á súa amnesia, el só se acordaba de Rubén como o mozo que estaba no hospital cando espertou. Mais todo isto cambiou cando Francisco abriu a carta.

Era unha nota de despedida que poñía o seguinte:

Francisco, meu amor.

Quíxenche mais ca ós meus pais e ós meus amigos. Quíxenche todo o que pode querer unha persoa a outra. Eras todo para min, eras o centro da miña vida. Se non fora por esa maldita botella, se non fora por esa merda de golpe e por esa puta amnesia, aínda seguiríamos estando xuntos. Despois de que me dixeras iso no hospital, mirei cara ó futuro, e como non te vin a ti, decidín suicidarme. Prefiro estar morto a ter que pasar unha vida sen ti e véndote con aoutra persoa que non sexa eu. Cariño, espero que sexas moi feliz ao longo de toda a túa vida e que se algún día me lembras, só che pido que vaias visitarme á miña tumba. Iso faríame moi feliz. Quérote moitísimo. Envíoche agora todos os bicos que nunca máis che poderei dar.

Rubén.

(Día 7, F.J)

Francisco, ao rematar de ler a carta, lembrouse de todo. Decidiu cortar con Ramona inmediatamente, aínda así, abatido, arbitrou o partido Madrid-Liverpool. Deulle bastante traballo por ser un partido difícil, tanto pola dureza do xogo coma pola furia dos afeccionados que comezaron a tirar moedas, vasos e outros obxectos aos xogadores do Madrid. Francisco deu por finalizado o encontro 5 minutos antes de tempo a causa dos incidentes. Esa mesma noite, saíu cos compañeiros de esmorga para afogar as penas por Rubén. O resultado foi Francisco 0-borracheira: 10, e aínda por riba foi o foco de atención de moitos paparazzis. A portada do As e do Marca do día seguinte abría con “Francisco volve ás andadas”, ao pé dunha fotografía ilustrativa. No avión de volta coñeceu un azafato de moi bo ver e moi simpático. Chamábase Álvaro e, este foi falar con Francisco porque, casualmente, era primo de Rubén. Falaron moito tempo no avión e Álvaro deixoulle o número de teléfono para que o chamara. Ó día seguinte chamou a Álvaro para ir tomar algo e falar, e así foi. Estiveron de parola ata as 4 da mañá, do boa persoa que era Rubén, lembraron e ríronse un pouco das falcatruadas que cometera ou mesmo do seu vicio pola Coca-Cola. Ó final da noite, Francisco pensou que un cravo sacaría outro cravo e, nun arrebato, bicouno.

(Día 8, L.P.)

Inmediatamente Álvaro levantouse da cadeira e meteulle un puñazo a Francisco, berrándolle que non sabía como podía ser tan mala persoa, que non comprendía como o seu primo Rubén puidera estar cunha persoa coma el. Francisco, por mor das cervexas e a rabia contida, devolveulle o puñazo, e así comezaron unha pelexa que rematou cun novo escándalo na prensa. O comité sancionou a Francisco durante catro partidos e ameazárono con que un novo feito deste tipo faríalle perder o seu posto de traballo.

Os días pasaron e Francisco seguía sen saír da casa e tirado no sofá vía os partidos que el debería arbitrar. Sentíase só, culpable pola morte de Rubén e o bico de Álvaro, ata que Ramona volveu aparecer. Ela estivera ó tanto da vida de Francisco, e a pesar de que rompera con ela dunha maneira non moi formal, decidiu ir velo. Cando Francisco abriu a porta deulle un abrazo longo, bicouna e arrastrouna ata o sofá, logo fixeron o amor. Estaba arrepentido, quería volver a empezar de cero, sen cometer máis erros, e Ramona estaba disposta a axudalo. O seguinte partido que lle tocaría arbitrar sería o Atlético de Madrid contra o Real Madrid. Era un partido duro, pero el sentíase con forza. Cando chegou ó estadio deuse conta de que as cousas non remataran, os berros de “maricón”, “bujarra”, non cesaban, e impedíanlle concentrarse no partido, polo que no descanso derrubouse e comezou a chorar de camiño ós vestiarios. A afección viuno, escoitáronse risas e máis faltas de respecto, pero pouco a pouco, decatáronse de que estaban a facer algo que non estaba ben, polo que ó volver saír ó campo o recibimento foi espectacular, os aplausos e ánimos afogaron os insultos dos minutos anteriores.

(Día 9, T.R.)

Os seus medos seguiron e despois de ver a catástrofe do último partido decidiu deixalo por un tempo. Falou co seu xefe e díxolle que ía coller a baixa durante uns meses, que así non podía seguir, que a súa vida cambiara. Seguiu esa relación con Ramona e deuse conta que era a quen de verdade quería. Para celebrar que estaban xuntos, Ramona colleu 15 días de vacacións e foron a Cuba. Retomaron a viaxe e pensaron que desta vez si que sairía unha boa relación.

Ao volver das vacacións, Francisco atopouse con que tiña máis forzas que antes para volver ao seu traballo e de novo foi falar co seu xefe. Este díxolle que ata dentro de cinco partidos non podería volver ao seu traballo, que tiñan un substituto contratado e non o podían botar. Francisco volvera con moitas ganas e iso quitoullas un pouco, pero aproveitou o tempo para solucionar uns problemas que tiña pendentes. Pouco a pouco, acercábase o día do seu partido.

(Día 10 R. R.)

Uns días despois de chegar de Cuba, Francisco seguiu o seu traballo de árbitro. O seguinte encontro que tería que arbitrar sería para Europa, xa que o chamaron para que dirixise as semifinais da Copa de Europa entre o Manchester United – Schalke 04. O partido sería en Old Traford, Manchester.

Francisco, decidiu levar a súa moza con el para así poder estar xuntos en Inglaterra, mentres que non tiña que traballar. Fóronse uns días antes do día partido, xa que tiña que ir para comprobar uns detalles antes do partido no estadio de Old Tradord.

A Manchester, Francisco foi cos seus axudantes e con Ramona. Foron todos para o mesmo hotel, alí deixaron a súa equipaxe, e foron dar unha volta pola cidade.

Francisco observaba que a súa relación estaba mellorando co paso dos días.

O día do partido, uns minutos antes de que comezara o partido, Francisco pediulle matrimonio a Ramona, diante de máis de 65.000 persoas.

(Día 11,C.V.)

Despois da pedida de man, os berros dos espectadores non cesaban. Ramona quedou calada sen saber que dicir, todos esperaban un si. Ela, por fin, ergueu a cabeza e dixo algo que ninguén quería escoitar. Deu un non como resposta. Ramona non quería casar con el ata que a situación entre os dous fose completamente ben, tiña medo a volver a pasalo mal ou a que ó seu mozo lle entrasen as dúbidas de novo.

Francisco quedou quedo sen saber que dicir nin que facer. Podíalle máis a vergoña de ser rexeitado ante 65.000 persoas que que a súa moza lle dixese que non. Entón, de repente, reaccionou. Botou a correr dirixíndose ó túnel dos vestiarios. Nesa carreira foi seguido por tres persoas de seguridade que vixiaban o campo. Non podía saltarse nin unha norma, e a pesar de que levara a cabo unha verdadeira mostra de amor, debía arbitrar.

Tres persoas de seguridade abalanzáronse sobre Francisco. Como se negaba a arbitrar, foi detido e enviado a comisaria.

 (Día 12, J. V.)

 Despois dunha noite no calabozo e tras varias horas de reflexión, Francisco deuse conta de que o que fixo foi unha irresponsabilidade, tanto pedirlle man a Ramona no estadio coma o de marchar correndo e negarse a arbitrar o partido. Con moita sorte non recibiu cargos por parte do xuíz, xa que no xulgado contou todo o que cambiara a súa vida en tan só 12 días, polo que os xuíces mostraron compaixón e deixárono libre e sen cargos. Unha vez na súa casa, e cando estaba no seu momento de tranquilidade, recibiu unha chamada na que lle comunicaban que estaba despedido do mundo da arbitraxe para sempre, isto case rematou a Francisco que xa estaba afundido dabondo por tódolos problemas que lle aconteceran ata entón. O mesmo día no que lle comunicaron o despido do seu emprego, Ramona presentouse na súa casa para dicirlle que ela precisaba un tempo, xa que esa relación era coma estar nunha montaña rusa e ela non estaba segura de querer seguir con Francisco.

(Día 13 A.M.) 

Francisco estaba destrozado. Todo o que el desexaba era ser querido pola súa muller e traballar do que sempre soñara, arbitrando; pero, repentinamente, nin unha cousa nin outra. Francisco tivo que comezar a preguntar en empresas repartidoras e mesmo en pizzerías. Repartía publicidade polos buzóns; esa era a súa nova vida.

Un día, Ramona confesoulle a Francisco: -Bótote de menos.

Esas palabras animárono, polo que intentou reflexionar un pouco e tratar de volver ós campos de fútbol. Aínda que non podía como árbitro, si como adestrador, xa que aprendera moito na súa traxectoria arbitral.

Dous meses despois, Francisco encabezaba a mellor racha de victorias do Deportivo desde o Súper-Dépor e Ramona era xa a señora de Francisco. Unha vida chea de altibaixos e de problemas solucionados deron lugar a un longo tempo de tranquilidade e prosperidade.

Que che conta?

O concurso de relatos inspirados nun cadro da pintura galega deu uns honrosos froitos. En breve subiremos os relatos premiados.

Contos para escoitar

Ímosvos ofrecer algúns contos que poderedes ler e escoitar á vez. Comezamos co do noso compañeiro Marcos que levou o 1º premio de Relato de Ciencia Ficción. Agardamos que vos gusten…

Relato «Mirar na poza». Marta Díaz.

Mirar na poza
Carlos, preciso que me fagas un mandado, vai á casa de túa tía Carme.
Xa vou, mamá, e que queres que lle diga?
Pídelle que por favor che empreste unha cunca de fabas para botarlle ó caldo, que as que teño non me chegan.
Xa vou mamá, déixame que colla os zapatos e o abrigo.
Grazas meu fillo, que Deus cho pague.
O rapaz saíu, camiño da casa de súa tía que vivía preto deles. Carlos comezou a subir a rúa empedrada, pola que tanto lle gustaba camiñar, porque podía chimpar de pedra en pedra.
Chegou á casa da súa tía, entrou e atopouse ó seu curmán xogando no chan da cociña, cun trapo vello, unha botella baleira e uns pauciños que lle apañaran no monte.
Ola tía.
Ola Carliños, ves xogar con Xoán?
Non, agora mesmo non, viña porque miña nai mandoume a que che preguntara se lle podías emprestar unhas poucas fabas, que a ela non lle chegan.
Empresto home, dille que se non lle chegan esas que teño máis para debullar.
Vale. Veño logo xogar contigo, paréceche Xoán?.
Ata logo, meu neno. Dille á túa nai que pola tarde se pase por aquí, se pode.
De camiño á casa, Carlos púxose a enredar, e perdeu algunhas fabas polo camiño.
Mamá, xa estou de volta.
Aí que ben! Xa volviches.
Díxome a tía que te pasaras por alí se tiñas tempo.
Irei logo, máis tarde por aló; a ver que quere.
Mamá podo ir dar unha volta polo prado?
Vai logo, pero non te entreteñas coas moscas, que xa logo é hora de comer.
Saíu da casa a paso lixeiro. Tiña un camiño longo, pero a el non lle importaba.
Chegou ó prado ó que seu avó adoitaba levalo cando era máis pequecho. Deitouse ó pé do gran carballo que el acordaba sempre alto, groso e do cal seu avó lle contara historias que tanto lle gustaba escoitar.
Unha vez que estivo deitado sobre a herba e acomodado, púxose a mirar para enriba, para os paxaros que se pousaban nas pólas doutras árbores… tan relaxado e cómodo estaba que quedou durmido.
Estaba voltando cara á casa para ir xantar; polo camiño atopou unha gran poza; estrañoulle porque levaba dous día sen chover, mirouse nela e non só viu o seu reflexo, senón algo estraño, non era nada que estivera preto del, era diferente ó que estaba acostumado a ver. A xente vestía de maneira diferente, as súas roupas parecían moi custosas; entraban e saían de grandes casas con grandes fiestras, portas diferentes as que estaba acostumado a ver…
De súpeto, chegou o seu amigo Francisco, que lle dixo:
Apresúrate, que chegamos tarde á escola, corre home!
Pero de que me estas a falar? Hoxe non hai escola.
Iso é o que ti queres, pero desgraciadamente si que temos, e debemos chegar cedo ou quedaremos sen asento na charla que nos van dar sobre as novas tarxetas que controlan as nosas entradas e saídas
Xa vou home.- dixo Carlos seguindo ó seu amigo sen entender nada do que estaba a falar.
Chegaron á escola, e como aínda era cedo foron para a súa clase, a de sempre.
Carlos entrou e viu que xa non estaba a tarima na que se situaba a mesa do mestre, o globo do mundo desaparecera, o mapa político de España tampouco estaba, a lousa de cor verde, na que a el tanto lle gustaba debuxar, xa non estaba; máis no sitio desta había unha que era de cor branca, moi plana, semellaba estar dentro da parece. Esta non tiña para poñer os xices, senón catro botóns pequeniños, cadanseu dunha cor: verde, azul, negro e vermello…
Baixaron ó salón de usos múltiples, Carlos non entendía nada do que estaba a ver, explicáronlles que dese momento en diante todos os días ían ter unhas tarxetas que os identificaban e lles controlarían as entradas e as saídas.
Chegou á casa e atopou a súa nai facendo de comer nunha cociña que el non recoñecía, seica ela soa se encargaba de facer o xantar sen que ninguén lle prestase atención algunha, avisaba cando a comida estivera rematada; o seu irmán estaba a xogar cun coche que se dirixía co movemento da man. Naquel intre entrou o seu pai, Miguel, pola porta e estaba a falar por unha cousiña pequecha que tiña unha luz moi clara e con teclas, era o seu novo telefono móbil, no que podía controlar todo o que el quixese, como por exemplo, os deberes que tiña Carlos e mesmo se os estaba a facer.
Un intre despois escoitou unha voz estraña que avisou da chegada da súa veciña, o que o desconcertou porque ela sempre botaba un berro.
O rapaz estívolles a contar ós seus pais as cousas novas que vira aquel día na escola:
Vin unha lousa dixital que estaba metida na parede; un proxector que non precisa cables para o ordenador; todos os meus compañeiros teñen uns trebellos nos que marcan uns números e poden escoitar música ou as leccións do profesor, segundo o código.- dixo Carlos moi nervioso, entusiasmado e inquedo.
Carlos!. Esperta home!. Marchaches da casa xa fai tres horas e dixeches que volvías de contado.
Perdón papá e que quedei durmido e tiven un soño rarísimo, todo era completamente novo, había xoguetes que se movían cando se movía a man.
Bule, neno, que iso só o hai no estranxeiro. Estes rapaces de hoxe só pensan en trebellos novos.- dixo Miguel dándolle á cabeza negando.

1º premio Certame relato breve ciencia ficción.

Soaba o espertador. Roi apagouno e levantouse coma calquera outro xoves para ir á escola, sen saber que ese non sería un xoves calquera. Foi cara ó seu gardarroupa selector de conxunto, un gardarroupa que tiña un ordenador incorporado, o cal rexistraba as preferencias do usuario e a roupa que tiña gardada dentro, e cada mañá suxería unha combinación de roupa usando eses datos. Púxose a roupa suxerida e foi para a cociña, onde súa nai estaba preparando o almorzo.
-Bos dias – Díxolle á sua nai.
-Bos dias, deixeiche uns filetes na neveira para facer cando chegues da escola, que hoxe traballo ata tarde. Ah! e onte esquecimos de acender o compactador de refugallo e non se baleirou, así que acéndeo agora – O compactador de refugallo era un aparello instalado hai un ano, máis ou menos, que compactaba por separado cartón e papel, lixo orgánico, inorgánico e vidro, e posteriormente enviábaos a catro contedores no soto do edificio; de madrugada pasaban camións recolléndoo todo a través dunha especie de colectores enfronte do edificio.
-Vale, ata a noite logo.
Almorzou e marchou para a escola no bus. Ó chegar atopouse con Pablo e outros compañeiros da súa clase e entraron para adentro.
-Que clase toca agora? – Preguntou Roi, quen nunca se lembraba do horario e tiña que preguntar sempre qué clase tiñan a continuación. A verdade é que a Roi non lle importaban moito as clases, xa que nunca tomaba apuntes nin se molestaba en facer os exercicios; conformábase con aprobar polos pelos, todo o contrario que o seu mellor amigo Pablo, que era alumno modelo.
-Matemáticas. – Contestoulle este último – Supoño que xa estará na clase o profesor, sempre ten apuro por comezar.
Efectivamente, o profesor de matemáticas xa estaba na clase. Os alumnos sacaron os seus cadernos de corrección en tempo real e encendéronos. Estes cadernos táctiles permitíanlle ó profesor escribir exercicios no seu propio caderno e despois envialos ó caderno dos alumnos. Posteriormente podía, a través do seu caderno, ver o que estaba facendo un alumno en concreto e corrixilo.
Roi, coma sempre, non tiña présa por empezar.
-Oe Pablo, que dia é hoxe?
-5 de novembro de 2029, e non me molestes que estou traballando.
Roi empezou a escribir a data no seu caderno o máis amodo posible, mentres roñaba contra o seu aburrido compañeiro de mesa. Mirou os exercicios, » bah, eu esta merda non a sei facer», e púxose a esperar a que rematara Pablo para copialo.
-Roi, faino por ti mesmo – Berroulle o profesor de matemáticas, que nese momento estaba a mirar no seu caderno.
Roi púxose a rosmar contra os cadernos do demo e intentou facer os exercicios. E así ata o cambio de clase.
- E agora que toca? – Preguntou outra vez Roi.
-Historia, hoxe tocaba rematar Cartago, supoño que hoxe poñeranos no mapa a incursión de Aníbal contra Roma e poñerá algunha batalla importante no simulador de situación.
O mapa interactivo era un mapa táctil no que se podía seleccionar un momento da historia e un pais calquera e mostraba as incursións e batallas nese lugar, ademais das cidades principais e lugares históricos. O simulador eran coma unha especie de pantallas que ocupaban todas as paredes e a porta da aula e recreaba un lugar histórico ou unha batalla en concreto de maneira tan real que podia parecer que estabas co teu pupitre no medio de Roma ou rodeado por aguerridos soldados do imperio, loitando contra bárbaros.
A predición de Pablo cumpriuse e Xermán, o profesor de historia, mostroulles a rota de Aníbal dende Hispania ata as portas de Roma, vencendo ó exército romano en múltiples batallas.
-Agora vouvos poñer no simulador a batalla de Cannae ou Cannas, na que Aníbal derrotou con simple xenio militar un exército moi superior en número e adestramento.
Accionou o simulador e seleccionou a batalla. Inmediatamente as luces apagáronse e quedou todo escuro. A continuación a luz volveu; estaban nunha planicie de herba sen refuxio ó seu redor, cun río á súa esquerda. Inmediatamente déronse conta de que algo pasaba, pois estaban sentados na herba e non comodamente nos seus pupitres, que simplemente parecía que desapareceran.
-Eh, que pasou aqui? Por que estades no chan?, e por que demos estamos entre os dous exércitos? – Dixo Xermán.
Normalmente a clase situábase nun outeiro convintemente cercano ó lugar do combate dende onde se divisaba a batalla en toda a súa magnitude. Xermán foi cara á parede que de seguro tiña que estar uns cinco pasos en calquera dirección, para que ó tocar as pantallas do simulador, este se apagara; non obstante, camiñou máis de vinte pasos e alonxouse dos alumnos moito máis do espazo dunha clase. Os alumnos empezaron a murmurar nerviosos.
-Eeeh ben, probade nos outros lados, poida que pasara pola porta – Xermán sabía moi ben que a porta estaba pechada, pois senón o simulador non se acende. Algúns alumnos comprobaron que non había paredes.
-Que merda está pasando aquí? – Garcés perdeu os nervios – Ei! os exercitos veñen cara a aquí, correde!
-Iso é unha parvada, non nos farán nada, non son reais, só son hologramas – Dixo o mestre, intentando convencerse a si mesmo, ademais de ós alumnos.
Observaron os dous exércitos que se acercaban. No que tiñan ás costas, presumiblemente o exército púnico, un grupo de soldados empezou a lanzar pedradas con fondas. Cando xa estaban relativamente cerca do bando inimigo, os arqueiros de ambos exércitos empezaron a enviar proxectiles por riba das cabezas dos alumnos. O exército romano estaba agora a tan só uns 200 metros e entón algo golpeou o pé de Roi. Unha pedra.
-Ei!, isto non se supoñia que era un holograma tamén? – Preguntoulle a Pablo.
Foi daquela cando o mestre soultou un alarido; unha das frechas do exército cartaxinés, que caían cada vez máis preto segundo se achegaban os romanos, caéralle no pé. Os alumnos quedaran estupefactos. Garcés volveu berrar.
-CORREDE!
E esta vez todos, sen excepción, fixéronlle caso. Pero o exército romano estaba moi preto; se non se daban présa serían esmagados ou atravesados polas lanzas da vangarda. Correron con toda a súa alma e todos conseguiron pasar diante da infantería romana, agás o mestre, que quedou tendido no chan co pé atravesado. Mais polo flanco da infantería viña a cabalería dos aliados de Roma. Escoitouse un berro estremecedor entre o ruído dos cascos e os berros de loita dos soldados, unha das rapazas non conseguira pasar. Os demais chegaran fóra da liña do exército, resoplando e chorando pola sorte dalgún dos seus compañeiros, en total tres, ademais do mestre. Iria, Uxía e mais Álvaro.
-Hai que alonxarse máis, a loita está demasiado preto de nós, calquera deses cabalos pode fuxir ó ser ferido e arroiarnos. – Dixo Héctor.
-Pero os outros… – Empezou Xulia.
-Os outros non creo que sirva de moito esperar por eles. – Cortouna Garcés. – Que isto sexa un pesadelo, por favor!. Que alguén apague o maldito simulador.
-Alguén ten reloxo? Se isto segue sendo unha simulación, ó acabar a hora, a seguinte clase deberia abrir a porta e apagar o simulador. – Dixo Aleixandre, pero ninguén lle contestou, mentres se alonxaban chorando os mais deles.
Chegaron a unha pequena arboreda, algo afastada da loita, que non chegaba nin para ocultar os 11 rapaces que eran. Dende alí distinguiron que a batalla era moito máis encarnizada agora. O exército cartaxinés fixera unha bolsa ó retroceder ó seu centro e agora os romanos, atrapados, estaban sendo masacrados, hostigados dende todas as direccións, xa que a cabaleria cartaxinesa do flanco do río dispersara inmediatamente a cabaleria romana e agora unha parte hostigaba os romanos dende a retagarda e a outra axudáballe á cabaleria cartaxinesa da outra banda, que pronto acabou con ese flanco romano tamén. Entón, definitivamente, os romanos empezaron a ser totalmente masacrados, rodeados por inimigos e cunha reducida mobilidade que os imposibilitaba de usar as súas armas. A batalla estaba por rematar e os romanos intentaban fuxir. Os rápidos xinetes númidas dábanlle caza ós que conseguian romper o cerco cartaxinés e eran capturados, ou, se opoñian resistencia, eran asasinados sen máis contemplacións. De súpeto, ocorreu. Un grupo de xinetes númidas acababa de divisar os rapaces entre as árbores. Os númidas foron cara a eles.
-Merda, veñen cara a aquí, fuxide. – Garcés levababa a voz cantante no tema de botar a correr.
-Non, idiota, ou acaso ti corres mais ca un cabalo?. – Roi estaba nervioso. – Se non nos resistimos, igual só nos atan, e nos deixan tranquilos ata que se apague o simulador.
Entre tanto, os númidas chegaron ata eles, con caras pouco amistosas; deberon decatarse de que non eran romanos, polo que un deles dirixiu unha especie de pregunta en dirección a Garcés, que era o máis grande do grupo.
-Non te entendo, deixádenos en paz. – Dixo este, visiblemente nervioso.
Ó númida de pel escura non lle debeu gustar o seu ton, porque baixou do cabalo e agarrouno por un brazo, de malas maneiras.
-Sóltame!
Garcés intentou soltarse e todos entenderon rapidamente que fora unha mala idea, porque os númidas desenvainaron e, sen unha vacilacion, o seu xefe espetoulle unha coitelada a Garcés.
- Merda! – Roi e os demais empezaron a correr dispersándose en todas direccións.
Os númidas comezaron a darlles caza. Roi correu sen mirar atrás, escoitando os seus berros e o aire zumbándolle nos oídos. Un cabalo pasou preto del; unha bota golpeouno e tirouno ó chan; ergueuse axiña e viu ó númida que baixaba a espada nun golpe cara abaixo. Todo se puxo negro.
Volveron as luces, abriuse a porta, o mestre de historia da arte estaba na porta.
-Que pasou? Hai 10 minutos que tocou a serea. – Calou ó velos a todos pálidos coma mortos.
Só habia 8 alumnos. Alguén se botou a chorar.

M.S.C

I Certame relato breve de ciencia ficción

Participamos no I Certame de relato breve de ciencia ficción, organizado por Gradiant (Centro Teconolóxico de Galicia). A colleita non puido ser mellor, porque na nosa categoría (A, para alumnos de bacharelato) acadamos o 1º e o 3º premios, que foron para Marcos Santiso (2º B.T) e Marta Díaz (2º B.H.)
Se tedes curiosidade, podedes ler os nosos relatos premiados.

Curso 2009-2010

Un novo curso, unha nova promoción de alumnos.

Axiña daremos conta do que andamos argallando nesta clase.

Roberto, Marta, Iván, Maikel, Cristóbal, Miriam, Rubén e David.

Letras Galegas 2009

O Día das Letras Galegas de 2009 adícase á figura de Ramón Piñeiro.
A todos os alumnos e profesores do IES de Sabón ofrecémosvos tres propostas para que participedes nalgunha delas.
É a particular homenaxe que lle queremos facer.

Proposta 1:

Ramón Piñeiro, “A filosofía i o home”.

Dixemos (…) que a Filosofía como inquedanza, como pregunta, é permanente, mentres que a Filosofía como resposta, como explicación teórica, é variable. Digamos agora (…) que a esculca filosófica soamente é verdadeiramente fecunda cando está en contacto vivo con esa inquedanza filosófica radical presente na natureza de todo home. Nin a acumulación mental das múltiples respostas historicamente xurdidas nin o bizantino afinamento conceptual de calquera delas poderán suplir a forza punxente de auto-interrogación íntima pra quen ande á percura dunha resposta de veras satisfactoria.

¿Atréveste a explicar coas túas palabras o que quere dicir Piñeiro neste texto?

Olark Livehelp